sábado, 19 de abril de 2014

Metamorfose

Coma un lóstrego de ilusión
co seu sorriso confiado

Ela sobe ata a copa máis alta
Ela baixa fluíndo entre as árbores

O seu perfil adiviña a inocencia
da súa pel branca reflexada nas fragas,
das perlas que adornan os seus lóbulos
e do seu cabelo xinete da corrente

A doce rapaza feita muller
O froito máis sutil dun mármore estático,
cincelado polo artesán do propio carácter:
pulindo os detalles, conservando a esencia

lunes, 24 de marzo de 2014

Bonecas rusas

Dende os brancos vales
ás pálidas chairas
surcadas
polos máis elegantes meandros
que afortunados se deslizan
por tan sutiles campos de azahar

As fragas quedas
fogar do fulgor,
que ben se tornan
no espello do mundo
reflictido dende o bosque

O mar negro,
de onde brotan os pentagramas
das miñas humildes notas
desquintadas ou ben desquiciadas
polo se mecer desas ondas escuras

Contrastes que definen
o límite da realidade
e un mundo surrealista

domingo, 23 de marzo de 2014

Estrela 211

Universos infinitos inundados,
De chuvia
De asteroides
De galaxias en escaleira.

Escaleiras que suben ou que baixan?
Escaleiras sen máis
Escaleiras de caracol
Escaleiras sen relanzos

En cada relanzo un pequeno descanso,
Para ir subindo
Para ir baixando
Para ir de banzo en banzo.

A cada banzo máis preto,
Dun remate
Dun comezo

A cada banzo
máis preto,
de ti.

sábado, 5 de enero de 2013

Mañá n°1

Entón, nunha mañá fría de inverno, daste conta do triste que debe ser non ter que facer. Da pena que se saque a "relucir" con tanta despreocupación, tanto orgullo e tanta frecuencia o gran vacío cultural que reside en demasiadas cabezas.
O realmente triste é que se poña de moda unha actitude de ignorantes, na cal o modelo a seguir é calquera tipo prepotente, cos mesmos estudos ca un neno de 7 anos e que vive de aparecer na televisión en calquera dos programas que tanto están aflorando ultimamente. O típico "maquinita", onde o seu volume corporal é inversamente proporcional ao cerebral; que se dedica a ir por ahí de ricachón ou de triunfador, constantemente rodeado de mulleres todavía máis asquerosas e estúpidas, que se deixan manipular e degradar. Pero a esta xente non só se lles paga un verdadeiro pastón por facer o borrego en televisión, senón que se lle aclama como grandes descubridores ou salvadores, e todo o mundo os desexa traer á discoteca máis cercana para poder tocalos e sacarse unha foto xuntos.
Despois queremos que se nos respete nos outros países e que ninguén nos tome por descerebrados.

martes, 25 de septiembre de 2012

Amencer n°1

Entón chega ese momento no que sabes que tes que erguer a cabeza. Recordar o teu orgullo. Ou quizais o que tiñas. Ou quizais o que quixeses ter.

Tal vez só che queden escombros ou cinza, nunca sabes como acabarán as cousas. Non sei se está ben dicir que algo acabe ben ou mal. A palabra "acabar" en sí non é demasiado agradable, non si?

sábado, 22 de septiembre de 2012

Xuventude extraterrestre.

    Vivimos nun mundo froito de numerosas loitas e progresos, hoxe dominado pola globalización, as tecnoloxías... Ao longo dos anos numerosos personaxes e agrupacións mostraron o seu descontento ante as situacións que vivían: folgas, protestas, manifestacións... A ninguén lle gusta sentirse obligado, escravo nin inferior. Destes sentimentos, que case sempre cargaban contra a envexa, a codicia ou a crueldade; xurdiron todos estes tipos de agrupacións que protestaban polo cambio.

   Mais a día de hoxe, onde quedou todo ese espírito loitador e libertador? A maioría das xuventudes semellan abducidas pola rede, os móbiles... Coma se vivisen noutro mundo. Procuran manterse ao marxe de problemas tales coma o enorme número de persoas paradas, toda a xente que non ten con que sustentarse nin onde vivir... Por non esquecernos da política. "Que será iso? Que máis da, temos unha democracia, ou iso din, así que cando me toque votar xa mirarei o que fago".

   Podes ir pola rúa e preguntarlle a calquera adolescente sobre o movemento 15M; probablemente che dirá que si, que todo iso está moi ben e que lle parece xenial que se proteste. Para el claro que está ben, mirando desde a casa e manténdose ao marxe. Iso si, en canto a selección gana calquera título internacional todos saen á rúa a festexalo coma se non houbese mañán. Pero do mesmo xeito, cando de verdade hai que saír, e mobilizarse: "Ah, que ben, hai folga por algo, mañán perdemos a clase".

   Acaso non debemos pelexar polo mundo no que queremos vivir? Acaso non deberiamos unirnos ao 15M por unha verdadeira democracia con máis referendos para seren nós quen tomamos as decisións? Por que imos ser os títeres de políticos españois e europeos? A ninguén lle gustan os recortes, mostremos o noso descontento! España, xunto con outros países, non ten que ser a locomotora que saque a Europa da crise.

   Pero bueno, parece que á maioría da xuventude, quen imos herdar este mundo, nos da igual todo iso. Tal vez só queiramos ser pasaxeiros desta viaxe sen decidir o noso destino.

lunes, 30 de abril de 2012

Respiro.

Aquela rapaza
era coma o aire novo.
Tan sinxela, mais tan delicada.
Tan sinxela, mais perfecta en cada detalle.

Aqueles profundos ollos verdes,
nos que eu vía reflexados os bosques.
Aqueles ollos eran, coma o frescor da natureza.

Soño con acoller as súas agarimosas meixelas.
Soño con sentir os seus cabelos loiros.
Soño cos seus carnosos beizos.
Soño.

Mais iso, tan só soño.
É tan marabillosa coma o ceo e as estrelas,
mais igual de inalcanzable.